O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

ROSALÍA DE CASTRO

ÁNIMA DORIDA E ESTRANXEIRA NA SÚA PATRIA.
       
En 1988, Francisco Rodríguez defende a súa tese de doutoramento, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, que, en palabras do presidente do tribunal, Carvalho Calero, supón un antes e un despois na concepción da obra de Rosalía de Castro pois vai derrubando un por un os falsos tópicos montados en torno á autora desde o momento da súa morte, desde fóra e desde dentro do país.
Antes de morrer Rosalía fora branco de aldraxes, mais despois de morrer foi conscientemente marxinada polos estudosos da literatura española, a pesar de ter sido a escritora en castelán máis importante da súa época por terse anticipado, na súa prosa castelá,  aos escritores modernistas e, na súa poética (como os “poetas malditos” franceses)  aos pensadores existencialistas  do sec. XX. E isto a pesar de d. Emilia Pardo Bazán, cuxa obra carece hoxe da modernidade e vitalidade que segue a ter a obra rosaliana, capaz de seguir conmovendo a lectores/as de calquera latitude. Como indica o profesor Anxo Tarrío, houbo voces que non quixeron sumarse ao coro oficial. Así, Azorín dicía de Rosalía que fora a precursora da revolución métrica e ideolóxica levada a cabo por Rubén Darío. E Juan Ramón Jiménez recoñecía a influencia que a autora galega tivera na súa obra, ao tempo que sinalaba coincidencias entre Rosalía e a poesía de Antonio Machado. Mesmo F. García Lorca inspirouse nela á hora de escribir os seus poemas galegos. Neste sentido, para un coetáneo como Carré Aldao (dono da libraría Carré, convertida na Cova Céltica) Rosalía é a "culminación do Rexurdimento", Pondal e Curros figuran como "continuadores de Rosalía". E para o maior estudoso da Historia da literatura galega, d. Ricardo Carvalho Calero, "até Rosalía a literatura do sec. XIX é arcaiaca". Pero as grandes personalidades da época, estudosos e insignes escritores/as, só tiveron a ben recoñecer o pintoresquismo e o costumismo de Cantares Gallegos.
Así a imaxe interesadamente terxiversada que nos chegou de Rosalía foi a dunha muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e amantísima esposa, saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se chegou a cuestionar a autoría dos seus poemas, asignándolle ao culto cronista que era o seu home, M. Murguía, a súa creación, pois Rosalía foi considerada habitualmente na historiografía como muller de escasa formación cultural. Non se estudaba realmente a obra de Rosalía, analizábase a súa vida. Aínda hoxe podemos comprobalo a través dos numerosos blogues e páxinas webs (en español) que adicadas a ela surcan a rede. Case todas comezan do mesmo xeito: nacemento ilexítimo, figura paterna ausente que se transloce na “negra sombra”, formación  aldeá, descoberta da súa condición de ilexítima e trauma para toda a vida…
Estranxeira na súa patria é o título dun dos poemas de Follas Novas (1880), no que Rosalía fala da soidade ante a "interminable procesión dos mortos" que non daban "sinal nin mostra de habela nalgún tempo coñecido", a pesar de seren uns "seus amantes" outros "deudos" e outros "amigos, compañeiros da infancia, serventes e veciños". Esa "indiferente marcha dos mortos" causa nela un sentimento de desarraigo ("sen lar nin arrimo") que a leva a autocaracterizarse como "estranxeira na súa patria", polo desprezo co que a trata a sociedade da súa época . Ese é o título (Rosalía, estranxeira na súa terra, marzo 2011) que Francisco Rodríguez escolleu para profundar na súa tese de doutoramento e argumentar con probas de peso (cartas persoais, xornais da época…) o que daquela insinuaba. En palabras do investigador,  ela mesma se atribúe a cualidade de estranxeira  na súa condición de persoa que, paradoxalmente, representando o espíritu xenuino do pobo galego, o seu dereito á existencia, o seu esforzo por ocupar un lugar na historia, sen embargo para os sectores intermediarios de Galiza, a Igrexa Católica, a pequena e mediana burguesía españolizada, os sectores máis reaccionarios, pois era unha muller molesta, marxinada e perseguida, especialmente durante a Restauración.

A familia en 1884, do estudio fotográfico de Manuel Palmeiro. FONTE: Galipedia

Rosalía, lonxe de ser unha nai abnegadísima, exerce o control sobre a súa maternidade. De feito pasarán dez anos entre a primeira  filla (casara preñada dela) e a segunda, para despois adicarse a parir fillos arreo (até sete). A razón, asegura Francisco Rodríguez, foi a súa carreira literaria. Rosalía quería ser escritora e vivir da literatura. Probabelmente esa sexa a razón pola que se empeñou en viaxar a Madrid co seu home e en publicar en castelán. Segundo Francisco Rodríguez, foi en Madrid onde Rosalía de Castro tomou conciencia de que Galicia estaba en situación marxinal e moi discriminada no Estado español, que estaba en construción, e quixo contribuír á súa evolución sentando as bases dunha Literatura en lingua galega, desenvolvendo a súa obra nunha vertente en castelán, para vender e vivir dela, e noutra vertente reivindicativa, para xente culta, en lingua galega.

Tampouco se aproxima esta “nova Rosalía” ao papel de amantísima esposa que a historiografía española reservara para ela. O matrimonio Rosalía-Murguía foi un bo acordo para dúas persoas que estaban entregadas á creación en función dunha causa maior: a construción dun país. Os cartos escaseaban e os dous debían valerse por si mesmos. Pero foi ela a que sacou adiante a súa prole nos dez derradeiros anos da súa vida. Rosalía foi unha muller adiantada ao seu tempo, moi amiga doutros homes que tamén eran amigos do seu esposo , como Eduardo Pondal. No diálogo que se establece no poema ¡Nin ás escuras!, de Follas Novas (1880), parece insinuarse o tema da homosexualidade, segundo Francisco Rodríguez, algo inaceptable nos ambientes burgueses do século XIX, cando unha identidade distinta á heterosexual "era peor que a morte", talvez por iso o poema mencionado acaba: ¡Houbera, e que saíra!... mais non: dentro te levo, / fantasma pavoroso dos meus remordementos!
Rosalía ao estilo Andy Warhol
Rosalía, lonxe de ser unha muller resignada foi, en palabras de Francisco Rofríguez, un exemplo de feminismo, da concepción práctica de que a muller é igual ao home, máis ca ningunha escritora europea da súa época. Algo impensable nunha muller de formación aldeá. A nosa autora foi unha muller de grande cultura. Lera os clásicos greco-latinos, era boa coñecedora da literatura europea da súa época e especialmente das obras dos filósofos. Manexábase en francés e participaba, entre homes, nas tertulias literarias do Liceo de la juventud, en Compostela, onde mesmo fixo representacións como actriz afeccionada. Non podería ser doutra maneira, pois da intuición espontánea para a versificación non nace o nihilismo, nin o existencialismo, nin a concepción da irracionalidade do mundo que latexa fondamente en Follas Novas e na súa obra posterior en castelán, encadrándose con voz propia entre os “poetas malditos” (revolucionarios, bohemios, iconoclastas, decadentes e profundamente críticos coa sociedade do seu tempo) , que calificaría e clasificaría Paul Verlaine en 1884, na súa obra Les poètes Maudits.


Eis a modernidade de Rosalía! A razón de que hoxe a súa poesía siga viva e feraz (producindo novos creadores que, como lectores, beberan nas súas páxinas) é esa profundidade de fonte inesgotábel  que posúe, mais tamén o xeito de estar e de ser da súa autora. Rosalía resulta moi atractiva para un lector/a de hoxe, pola súa actitude revolucionaria, pola súa bohemia, porque saltaba por riba dos tabús mesmo coa súa relixiosidade (panteísta, ao estilo tradicional galego) e contraria ao dogma, o que lle valeu o enfrontamento co Arcebispado de Santiago, que lle negou a homenaxe pública cando o seu corpo foi trasladado ao Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.

Agora, xullo de 2011, vai saír á venda  a segunda edición de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria. En palabras de Pilar García Negro, corrobora nesta obra o autor aquelas teses coas que hai máis de vinte anos aseguraba que Rosalía era unha escritora profesional, unha muller enérxica e profundamente culta, iniciadora dunha literatura galega feminista, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora dunha nova semántica…

Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria from cig-ensino on Vimeo.
Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria from cig-ensino on Vimeo.
_______________________________
  • Francisco Rodríguez (1988). A análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Ed. AS-PG.   ISBN: 84-404-3471-5
  • Anxo Tarrío Varela (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN: 84-7507-778-1. 
  • Ricardo Carvalho Calero (1981). Literatura Galega Contemporánea. Ed. Galaxia. ISBN: 84-7154-390-7
  • ­Manuel Rei Romeu (2011). Desde o labirinto a Rosalía. Reseña en Terra e Tempo
  • Pilar García Negro (2011). Unha obra monumental. Artigo en Xornal.com
  • Diana Mandiá (2011). Rosalía sen tebras. Artigo en Luces. El País 
________________________________

VER ADEMAIS...  
MUJERES EN LA HISTORIA. ROSALÍA DE CASTRO, FEMINISTA EN LA SOMBRA. RTVE.es

 
____________________________

TEMA 8. A LITERATURA DO SÉCULO XIX. REXURDIMENTO PLENO. ROSALÍA DE CASTRO