O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

SÉCULOS ESCUROS E ILUSTRACIÓN. LITERATURA POPULAR E CULTA

Adeus , Amor; adeus El Rei
que eu ben serví;
adeus a Raíña a quen loei
e obedesçí.

Xa máis de min non oirán
amor loar,
nin amadores me verán
muller amar.

Adeus cantos ben amaron
e amarán;
adeus cantos ben falaron
e falarán.

Adeus, amigos señores
que moito amei;
adeus os trobadores
con quen trobei...                               
                                             Canto nostálxico do Arcediago de Toro, que anuncia a fin dunha época
_______________________________________

O SILENCIO DA LITERATURA ESCRITA E A LUZ AO FINAL DO TÚNEL

O galego-portugués, común a Galiza e Portugal, tivo séculos de existencia plena como lingua nativa dunha comunidade lingüística do noroeste da Península Ibérica. Mais as derrotas que os nobres galegos sufriran a finais do século XIV e principios do XV provocaron a asimiliación da nobreza galega e a dominación castelá, levando ao desaparecimento público, oficial, literario e relixioso do galego como lingua de cultura até o século XVIII, para uns, e mesmo até o  XIX, para outros. Son os chamados Séculos Escuros. O portugués, pola contra, desenvolveuse libremente polo feito de Portugal ter sido o único territorio peninsular que ficou fóra do dominio político do Reino de Castela e do dominio lingüístico do castelán.
Cancioneiro de Baena, 1430
Desde a morte en  1354 do fillo de D. Dinís, D. Pedro Conde de Barcelos, derradeira figura da escola trobadoresca galego-portuguesa, a nosa lírica medieval inicia un período de decadencia até a súa extinción no século XV. A chamada Escola Galego-Castelá, recollida no Cancioneiro de Baena e desenvolvida durante o século XV e comezos do XVI, así como a Escola castelán-portuguesa, recollida no Cancioneiro  Geral  de García de Resende, en pleno século XVI, constitúen os epígonos, as mostras finais do noso lirismo trobadoresco. O galego-portugués vai deixando o seu posto ao castelán, no primeiro caso, e ao portugués, no segundo caso. Poetas como o Arcediago de Toro ou Macías o Namorado significan o final dunha escola e dunha xeira histórica.
Cancioneiro Geral de Garcia de Resende, 1516
No tocante á prosa podemos aínda alongar as datas. Algúns estudosos consideran que o cronista Fernao Lopes (séc. XV) é o derradeiro escritor medieval en galego-portugués. A partir dese momento os sistemas literarios galego e portugués ficarán separados e desenvolverán procesos autónomos. No ámbito da historiografía literaria galega adoitase dar como inicio desta etapa erma e escura a data na que o mariscal Pardo de Cela foi decapitado, en Mondoñedo, no ano 1483. É unha data simbólica pois nada ten que ver con ningunha realidade literaria obxectiva, pero marca o comezo da desaparición do galego dos protocolos administrativos, do mundo notarial e de calquera tipo de textos formais en favor da lingua de Castela. É comprobable que até ese momento a redacción documental exercíase en galego, porén desde finais do séc. XV é dificilísimo atopar este tipo de textos escritos na nosa lingua.
Reino de Galicia
Aquel esplendor e aquela influencia cultural, política e económica do antigo Reino de Galiza que supuxeron que no século XIII e no XIV  se edificase en galego-portugués a principal (e case única) escola trobadoresca peninsular, en realidade, ten a súa base fundamental no feito de os monarcas e a nobreza do reino noroccidental de Galiza (e León) seren galegos (até Afonso VI, IX de León), defenderen os seus ‘intereses’ galegos, protexeren á nobreza galega (como a poderosa familia dos condes de Traba) ou terense criado ou educado en Galiza (até Fernando III e Afonso X ou as importantes liñaxes dos Castro e dos Lara) xunto coa progresiva importancia de Santiago de Compostela como centro de poder e cultura, moi para alén do estrito ámbito relixioso.  
Pero desde o séc. XIV Galiza apostou sempre ao revés nas encrucilladas históricas. Cómpre lembrar que os nobres galegos pronunciáronse, primeiro, a favor de Pedro de Borgaña, fronte ao gañador Henrique de Trastamara; segundo, a favor de Xoana a Beltranexa fronte á vencedora Isabel. Se a isto engadimos as revoltas Irmandiñas  contra os abusos dos señores, duramente aplastadas por estes coa axuda dos casteláns, e a doma e castración do Reino de Galiza levada a cabo polos Reis Católicos xa temos os condicionantes históricos da sistemática desgaleguización á que durante os Séculos Escuros se someteu ao pobo galego, conseguíndoo plenamente nas clases dominantes, pero cun efecto contrario de resistencia e conservadorismo nas clases populares, que mantiveron a lingua vivísima até hoxe mesmo.
O certo é que o século XV, co final de Idade Media e o comezo da Idade Moderna, supón o final de toda unha época esplendorosa e o inicio dun longo período de postración para o noso idioma, reducido a penas ao uso rural, pois son escasísimas as mostras literarias en galego deste período.
Perdida a memoria do pasado esplendor literario , sen noticias da importancia política pretérita de Galiza, acosado por unha fama negativa e antigalega, o pobo galego seguiu a falar a súa lingua, aínda que con progresivo auto-odio, centrándose en aspectos folclóricos e festivos, o que proporcionou unha rica literatura oral (cancionciñas paralelísticas, vilancicos de Nadal, composicións de circunstancias...) e algunhas mostras de poesía culta.
Podemos dicir que a historia da literatura en lingua galega desenvolveuse durante os séculos medievais con toda normalidade e mesmo de xeito brillante, a pesar de ter Galiza fanadas desde moi cedo (séc. XII) as posibilidades de constituírse en reino independente. Se perdeu esa normalidade, se se convertiu nunha literatura non normalizada, foi por carecer das condicións normais das nacións que teñen un Estado que vela pola súa lingua protexéndoa e fomentándoa, e estas circunstancias condicionan toda a produción literaria e artística do pobo galego durante os séculos XVI, XVII e XVIII, mesmo até a chegada do Rexurdimento no XIX. Se ben o séc. XVIII trae a luz para comezar a saír do túnel, pois os Ilustrados comezarán a elevar as súas voces reclamando dignidade para o pobo e prestixio para a lingua, como podemos comprobar nas seguintes palabras de Frei Martín Sarmiento:
...Y es bárbara crueldad y necesidad excusada que unos forasteros enseñen a los niños gallegos mediante la lengua castellana que no saben (...), y castigándoles si se les escapa alguna voz o frase gallega de las que han mamado. Todo maestro de Gramática que no fuera gallego y erudito en su lengua patria, se debe excluír de ser maestro de niños gallegos, sea un Cicerón o un Quintiliano.
________________________
  • Anxo Tarrío Varela (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN: 84-7507-778-1. 
  • Elvira Roiz Mesias e Manuel Rei Romeu (2002). Literatura Galega da Idade Media ao século XIX. Ed. A Nosa Terra. ISBN:84-95350-21-1.
  • Carlos Paulo Martínez Pereiro (2010). O trobadorismo medieval galego-portugués. Ed. AELG, coa colaboración de Xacobeo 2010 Galicia.
  • Ramón Gutiérrez Izquierdo (2000). Lecturas de Nós. Introdución á Literatura Galega. Ed. Xerais. ISBN: 84-8302-505-1.
  •  Xosé Ramón Pena (1993). Literatura Galega Medieval. Ed. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-147-
________________________________
Ver ademais...  
  • O conde do escuro (a importancia do Conde de Gondomar entre os séculos XVI e XVII)
  • A escola das areas  
  • Sarmiento
 
_____________________________


TEMA 6. OS SÉCULOS ESCUROS E A ILUSTRACIÓN

SELECCIÓN DE TEXTOS

A situación da lingua nos Séculos Escuros