A CANTIGA DE AMIGO, UN XÉNERO AUTÓCTONO
Aínda que o profesor X.L.Méndez Ferrín afirme que a Cántiga de Amor é un produto, non de importación desde as encantadoras cortes de Occitania, senón autóctono de vez e nado nas cortes de noso, ás cales tamén lles debemos supor algún encanto. O cal non quer dicir que os modelos provenzais, e tamén os de Oïl, fosen descoñecidos en Galicia. E viceversa: para Eugenio Asensio “el camino de Santiago era de ida y vuelta”; hai que recoñecer, con Manuel Forcadela, que a Cantiga de Amigo é o primeiro xénero literario do que temos referencia na nosa tradición. As cincocentas doce cantigas que editara José Joaquim Nunes pertencen a un xénero compartido por outra literatura nacional (a portuguesa) e caracterízanse por ser un xénero sincrético, cunha estrutura fixa que xira en torno ao eu escénico da doncela que expresa o seu estado emocional cara ao amigo e por ser artificiosa, cun uso abondoso de recursos de repetición (paralelismo, leixaprén e refrán). Todo isto converteunas nunha das xoias da tradición lírica occidental.

![]() |
Cantigas de amigo. A. García Patiño |
A Cantiga de Amigo é, fronte aos outros xéneros líricos cos que convive no seu tempo, unha cantiga de raíz popular. Na súa orixe estaría un canto de muller, unha canción de amor feminina, un tipo de composición común a todos os pobos indoeuropeos. Na Península Ibérica a cantiga de amigo emparenta directamente coas carxas mozárabes, case contemporáneas e con características formais e temáticas moi semellantes. O propio Ferrín admite a hipótese da existencia dunha lírica primitiva paneuropea, de carácter feminino e paralelístico pero, iso si, de todo ese fondo de orixe folclórica, ningún conxunto é tan abondoso, ningún acervo tan arrecedente á mellor poesía intemporal como o conxunto das nosas Cántigas de Amigo felizmente conservadas.
A cantiga de amigo é, polo tanto, un xénero pre-trobadoresco, aínda que as mostras máis antigas que conservamos son da mesma época que as cantigas trobadorescas. Dependendo da maior ou menor influencia da lírica trobadoresca sobre os modelos autóctonos, podemos diferenciar até tres grupos de cantigas de amigo, que en realidade evidencian a transformación que este xénero sufriu ao longo do tempo, pois como calquera xénero literario está suxeito a un proceso de nacemento – culminación – transformación e/ou desaparición.
![]() |
Cantigas de amigo. A. García Patiño |
Neste sentido, sostén M. Forcadela que a cantiga de amigo naceu sendo monologada, pois das 512 cantigas, 458 son monologadas e só 54 dialogadas, o que supón unha variación sobre o modelo inicial. Esta modificación está conectada coa irrupción por vía culta da cantiga de amor e tamén da pastorela. A cantiga de amor vai condicionar a evolución da cantiga de amigo porque os autores compaxinaban ambos os dous xéneros; mais a Cançó provenzal vaise converter aquí en Cantiga de Amor grazas á cantiga de amigo, vista probabelmente polos propios creadores, coa chegada do amor cortés, como un xénero atrasado, popular e autóctono, fronte á cançó moderna, aristocrática e de fóra. M. Forcadela exemplifica esa transformación a través do camiño que vai da primeira cantiga de amigo conservada (Ai eu coitada! / como vivo en gram cuidado / por meu amigo / que ei alongado!), que mostra a presenza do eu escénico feminino no texto de Sancho I, até a cantiga de Joan Zorro (En Lixboa, sobre lo mar / barcas novas mandei lavrar, / ai mia senhor velida!), na que o eu lírico é unha voz masculina e a muller é convertida na destinataria da mensaxe, porén conserva os elementos formais da cantiga de amigo: rima, refrán, leixa-prén e paralelismo.
Resumindo, das cantigas de amigo tradicionais (ou soliloquios de amigo ausente), fieis ás formas autóctonas da canción de amor feminina (dísticos con refrán, paralelismo, leixaprén e eu escénico dunha doncela), pasamos ás cantigas de amigo contaminadas (ou dialogadas), influídas polo lirismo trobadoresco (estrofas máis complexas, con refrán e paralelismo pero tamén cun apóstrofe lírico ao que se dirixe o eu escénico da doncela); para acabar nas cantigas de amigo trobadorecas ou cantigas de amor nas que o eu escénico feminino deixou lugar ao eu lírico masculino e a muller converteuse (ao modo trobadoresco) en destinataria da mensaxe.
![]() |
Cantigas de amigo. A. García Patiño |
Segundo M. Forcadela o esquema de evolución partiría dunha Cantiga monologada en boca da amiga (sen apóstrofe), (Ai eu coitada…). Pasaría a unha Cantiga monologada con apóstrofe, (Ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo...). Para continuar cunha Cantiga dialogada entre mulleres (-Digades filha, mia filha velida… / -Tardei, mia madre, na fría fontana…). Despois transformaríase nunha Cantiga monologada en boca dunha muller que non fose a amiga, (Eno sagrado, en Vigo, / bailava corpo velido: / amor hei!...). Continuaría a transformación a través dunha Cantiga dialogada entre muller e home. Para acabar chegando a unha Cantiga monologada en boca do amigo, (En Lixboa, sobre lo mar…). E, finalmente, daría nunha Cantiga narrativa en terceira persoa (Levou-s’a fremosa, levou-s’a velida, / vai lava cabelos, na fontan fría… // Passa seu amigo, que lhi ben quería, / o cervo do monte a auga volvia…). Deste xeito, se a cantiga de amigo é un herdo requintado dunha primitiva canción feminina, a súa evolución resulta unha clara mostra de como a muller perde a voz para se converter, finalmente, previo pago da súa idealización, nun obxecto literario e amoroso, acorde cos tópicos do amor cortés.
![]() |
Cantigas de amigo. A. García Patiño |
Eis a grandeza das nosas cantigas de amigo! Pois non só os poetas do século XIII foron quen de iniciar as transformacións, senón que poetas do século XX ( Neotrobadorismo, Cunqueiro…Ronseltz) seguen a visitar e a imitar os textos medievais, porque por popularistas están máis achegados ao mundo real dos galegos actuais, pois os galegos e galegas, como explica Ferrín, seguimos a nos bañar nas ondas do mar de Vigo, aínda podemos descansar no souto de Crecente ou botar un cigarro onda a ermida de San Simión.
________________
- Forcadela, Manuel (2009 ). A cantiga de amigo á luz da teoría da comunicación.
- Méndez Ferrín, X. L. (2000). A poesía medieval galega vista dos os relanzos derradeiros do século XX. (Discurso de entrada na RAG).
- VVAA (2008). Lingua e Literatura Galega 1º Bacharelato. Consorcio Editorial Galego, ISBN 978-84-8341-232-9.
-
UNHA VISIÓN DISTINTA SOBRE A AUTORÍA DAS CANTIGAS DE AMIGO: O trobador eran elas
TEMA 3. A CANTIGA DE AMIGO
SELECCIÓN DE TEXTOS
ESQUEMA
Ningún comentario:
Publicar un comentario