O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

CURROS ENRÍQUEZ

UN REPUBLICANO VISCERAL PERSEGUIDO POLO MAL FADO; PERO NAS BARRICADAS, SEMPRE.
Curros Enríquez  (1851-1908) é a terceira figura que, na historiografía literaria galega serve para ilustrar o esplendor do Rexurdimento. Morta Rosalía, o primeiro lugar na literatura galega é seu, segundo a opinión xeraL, pois Pondal habita aparte na súa palloza céltiga. Ante o público do seu tempo, Curros triunfou como poeta: foi coroado dúas veces en vida, en Galiza e en Madrid, e na Habana rendéronlle multitudinarias homenaxes. Aínda así tivo que emigrar por motivos de traballo e acabou morrendo na Habana.

Prófugo da casa paterna e establecido en Madrid con quince anos, comezará a carreira de dereito, pero ao que realmente se vai adicar é ao xornalismo en castelán. Se ben o seu primeiro poema, a Cántiga (1867), xa está escrito en galego. Desde entón alternará galego e castelán, porén a prosa será o espazo reservado sempre para o castelán. Como a maioría dos seus coetáneos, nunca considerou a posibilidade de usar o galego na prosa, a pesar do moito que a utilizou para expresarse en castelán.

A muller e os tres fillos de Curros
A súa vida foi dura: malas relacións coa familia, mala relación coa igrexa, mala relación coa comunidade galega da Habana, mala relación cos poderes públicos… mala relación cos poderosos. A razón estaba nos seus ideais. Curros era un ideólogo e poñía unha e outra vez a súa vida ao servizo dos seus ideais. Talvez por iso foi un home infeliz, a pesar dos laureiros públicos. Nunca sorría. Fixo co seu primeiro fillo o que o pai fixera con el. Era quen, polos seus principios, de abandonar un traballo  poñendo en serio perigo a maltreita economía familiar. Neste sentido coincide con Pondal no seu dogmatismo, se ben o bardo era un aristócrata que vía o mundo organizado en dous grupos sociais: os nobres, que mandaban, e o vulgo, que obedecía. Para Curros esas eran “necias distincións”. Non é de estrañar que a condesa de Pardo Bazán, (a mesma que se mostra entregada á versificación do noso bardo aristócrata, Pondal, único poeta galego que recibe da condesa boas críticas literarias; aquela que só apreciara o pintoresquismo de Cantares Gallegos, mais que calara ante Follas Novas)  sexa un dos persoeiros que peor parados saen no seu Divino Sainete.

Curros na ofrenda a Rosalía
Tan desgraciado na vida como combativo na obra, Curros foi un loitador cuxo credo político era o dun demócrata republicano federal, que acabou identificado cos rexionalistas cando descubriu os problemas galegos. Pois son estes os que colocan ao noso poeta nunha encrucillada: en palabras de d. Ricardo Carvalho Calero, o positivismo racionalista, coa súa fe nun mundo feliz en que todo atinxira a unidade conforme á lei máis inexorábel do progreso, entrou en colisión coa vivencia dos feitos empíricos que suscitaban no ánimo do mozo unha saudosa veneración de todo o que era peculiar da súa terra lonxana.

Sendo como foi sempre un poeta rebelde e contestatario, hai que sinalar unha evolución desde ese idealismo previo á toma de conciencia dos problemas galegos, cara a posicionamentos máis críticos e realistas.  Seguindo por un lado a Francisco Rodríguez e por outro a Elvira Roiz e a M. Rei Romeu,  na primeira etapa idealista, Curros mostra confianza cega no capitalismo, hostilidade cara aos poderes unipersoais, defensa dunha unidade global do mundo por riba de fronteiras e de linguas, aceptación da emigración como unha saída honrosa e convencemento de que o progreso capitalista acabaría co fanatismo.

Chegada a Ourense da primeira locomotora (1880)
Curros estaba convencido de que o capitalismo espallaría a propiedade privada e a cultura entre o pobo e coa chegada das liberdades democráticas desaparecerían a miseria, as inxustizas e a tiranía. Ademais víao como o único medio de retirarlles o poder a monarcas e papas e de frear aos reaccionarios. Como demócrata, o home é para el un cidadán do mundo, polo que, se en Galiza hai miseria, o normal é buscar a riqueza fóra. Como cidadáns do mundo, os seres humanos, democraticamente iguais, constitúen un único pobo e só precisan dunha única lingua que, dado o cariño de Curros pola súa, será o galego.

Porén, coñecidos os problemas galegos; unha vez que experimentou que, con independencia de quen gobernara en Madrid (monárquicos ou republicanos, progresistas ou conservadores), as clases populares galegas seguían a vivir na máis oprobiosa miseria; unha vez que viviu a independencia de Cuba e comprobou que a situación marxinal de Galicia dentro do Estado era moi semellante á da illa caribeña;  unha vez que se sentiu identificado co país, ese idealismo vai deixar paso a unha actitude crítica e, polo tanto, máis realista. O primeiro que muda é a súa concepción lingüística, pois observa que en realidade hai linguas subordinadas e linguas impostas oficialmente. O segundo en mudar é a súa visión da emigración, pois comproba que o capitalismo é un mercado, tamén, de carne humana.

Curros con Murguía en 1904, ante a súa "coroación poética" na Coruña
A voz inconformista de Curros volverase agora contra a emigración, contra as imposicións e contra calquera tipo de inxustiza, talvez por isto é o poeta verdadeiramente civil do Rexurdimento. Pois concibe a poesía cunha función didáctica, transformadora e, polo tanto, social.

Se Rosalía representa a comuñón coa sensibilidade popular e ao tempo a expresión dun lirismo persoal agónico, existencial; se Pondal representa  a voz do aristócrata obsesionado con crear a mitoloxía que asente o espírito galeguista; Curros é un loitador que pon a vida e a obra ao servizo das súas ideas, un demócrata enfrontado a toda clase de inxustizas.

Multitudinario enterro de Curros na Coruña, en 1908
Tanto Curros como Rosalía son poetas populares que se compromenten na súa obra cos problemas da sociedade denunciando a miseria e a inxustiza. Porén, Rosalía acaba, escéptica,  sufrindo resignada ante a impotencia para transformar a sociedade; mentres que Curros manterá sempre a súa actitude combativa. Eis a popularidade do poeta cívico, da que non gozaron nin a feminista Rosalía, adiantada á súa época, nin o aristócrata Pondal, que toleou por ser o bardo do pobo galego. 
______________________________
  • Historia da Literatura Galega Contemporánea. Ricardo Carvalho Calero. Ed. Galaxia. Vigo, 1981. ISBN: 84-7154-390-7
  • Manual e escolma do Rexurdimento. Román Raña. Ed. Sotelo Blanco. Compostela 1995. ISBN: 84-7824-244-9
  • Literatura Galega: da Idade Media ao século XIX. Elvira Roiz e Manuel Rei Romeu. Vigo 2002. ISBN: 84-95350-21-1
  •  Lingua e Literatura. Bacharelato 1. VVAA. Consorcio Editorial Galego. Vigo 2008. ISBN: 978-84-8341-232-9
________________

TEMA 10. A LITERATURA DO SÉCULO XIX. O REXURDIMENTO PLENO. MANUEL CURROS ENRÍQUEZ


SELECCIÓN DE TEXTOS

ESQUEMA