O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

6 de xuño de 2011

INTRODUCIÓN Á CRONOLOXÍA XERAL DA HISTORIA DA LITERATURA GALEGA

A LITERATURA GALEGA, UNHA HISTORIA DE RESISTENCIA

A literatura non é só un produto artístico cuxa función básica é a estética, senón que é un feito social, é un produto histórico da sociedade na que nace. Desde esta perspectiva, calquera intento de periodización da literatura ten que apoiarse nos acontecementos históricos, especialmente no caso da literatua galega, porque moitos deses acontecementos históricos posibilitaron ou non a existencia dunha literatura en lingua galega. Ademais, a moderna teoría da recepción dinos que non hai literatura se os textos non son interpretados polos seus lectores ou oíntes; desde este punto de vista a nosa historia literaria está chea de lagoas e de silencios, pois desde os séculos medievais até épocas ben recentes careceu de verdadeiros receptores.
O  profesor R. Carvalho Calero distinguía tres ciclos na Historia da Literatura Galega. O primeiro era o ciclo antigo, que abranguía do séc. XIII ao séc. XV. Este ciclo distinguíase polo feito de que a lingua e literatura galegas eran a lingua e literatura normais do país. Mais ao finalizar a Idade Media iníciase un novo período, o ciclo medio, que abrangue do séc. XVI ao séc. XVIII. Con este ciclo iníciase un proceso de anormalización da lingua e literatura de Galiza, que don Ricardo explica porque os homes e as mulleres galegas cambian o concepto que tiñan da súa propia lingua e do seu propio país. Neste segundo ciclo, o galego era considerado como unha variante do castelán, como unha lingua infantil ou como unha lingua de “jarcha”, que só tiña validez en contraste coa lingua “normal”, o castelán; a gracia do uso do galego residía precisamente na súa anormalidade. Pero no século XVIII prodúcese un movemento ilustrado, representado por Feixoo, Sarmiento e Sobreira, que ten un valor extraordinario para explicar o florecimento da literatura galega no Romanticismo, xa no século XIX; porque sen estes ilustrados eruditos non se tería creado o ambiente que posibilitou os escritos patrióticos e políticos da Guerra da Independencia contra a invasión napoleónica. Os nosos ilustrados son a ponte que nos leva dos Séculos Escuros, da anormalidade, ao terceiro ciclo, o moderno, que comprende os séculos XIX e XX. Este terceiro ciclo supón un tímido regreso á concepción do ciclo antigo, segundo a cal o galego non ten por que contrastar literariamente co castelán, senón que pode competir con el. Isto implica a recuperación da normalidade.
Como acabamos de ver, a Historia da Literatura Galega desde as súas primeiras manifestacións até os nosos días non é un proceso continuo. As circunstancias históricas condicionaron o seu esmorecemento e silencio á fin da Idade Media e, cando rexurdiu no século XIX, a nosa literatura volveu nacer con dúas características que a condicionaron desde o comezo:
1.   A carencia de tradición literaria escrita: os nosos escritores decimonónicos comezan a descubrir, grazas a editores como Martínez Salazar, o legado medieval.
2.   A significación ideolóxica: trátase dunha literatura de resistencia, en palabras do profesor Anxo Tarrío.
O acto de escribir en galego convértese nun exercicio de xenerosidade cara ao “amado pobo”, a quen se lle amosa a súa vida cotiá, os seus costumes, dun xeito sentimental; ou ben, o acto de escribir pretende salvar a ese pobo desde a literatura, a base de enchela de ideoloxía, ética e moral galeguista.
Desde esta perspectiva é evidente que a nosa Historia Literaria non se desenvolveu nas condicións normais das nacións que teñen un estado que vela por elas, protexéndoas e fomentándoas, trátase pois dunha literatura non normalizada. Este tipo de literaturas desenvólvense nun contexto desfavorábel, o que ha repercutir nos autores e nos seus produtos literarios. Seguindo ao profesor Tarrío, covén dicir que, na Historia da Literatura Galega a práctica inexistencia de lectores ao longo do tempo, e até hai moi poucos anos, determinou en grande medida a produción literaria en lingua galega.Deste xeito o proceso creador resulta frustrante: ao carecer, ab initio, de destinatarios, rómpese o diálogo literario, pérdese unha das función básicas, a comunicación. Mais tamén o papel de lector resulta desquiciante, pois por unha parte hai unha tendencia cara á militancia literaria do “todo vale” polo feito de estar escrito en galego; pero por outra parte prodúcese a tendencia contraria, cara á excelencia literaria do “nada vale se non é excelente”, mostrando un escepticismo e unhas esixencias cara as nosas letras que non se manifestarían ante unha literatura normalizada.
A literatura galega comezou a súa andadura  romance en pé de igualdade con outras linguas irmás e, durante a Idade Media, desenvolveuse con absoluta normalidade e mesmo acadou grande esplendor, pero circunstancias históricas e políticas condicionaron a sociedade, a economía e a cultura galegas de tal xeito que impediron que a lingua e a literatura tivesen unha continuidade e unha evolución sen os traumas e silencios dos Séculos Escuros. Nada a partir de aí volvería ser igual.  
No século XIX e nos comezos do séc. XX desenvólvese un movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas que permite a consolidación dun sistema literario galego autónomo. Resulta admirable o labor dos nosos escritores e escritoras do Rexurdimento, que comezan a utilizar como lingua literaria un idioma desprezado pola cultura oficial e relegado a lingua rural e familiar. A utilización do galego é reflexo dunha actitude de compromiso, o que explica a abundante temática comprometida da literatura galega contemporánea. Mesmo naqueles casos en que non atopamos esa temática, a escolla do galego conforma unha posición ideolóxica.
Talvez hoxe, século XXI, esta opción estea mudando o seu signo, mais no século XIX e até o derradeiro terzo do século XX, a literatura galega corre paralela á orixe e ao desenvolvemento da ideoloxía galeguista. Primeiro provincialista, para os precursores; despois rexionalista, para os autores do Rexurdimento pleno; máis tarde nacionalista para os creadores da época Nós; e, máis tarde aínda, despois da longa noite de pedra que supuxo a paréntese de 40 anos de ditadura franquista, péchase o século XX alí onde comezara, tratando de recuperar o tempo perdido.  
Hoxe a situación é de vacilación. Certo é que por fin existen receptores para o produto literario galego. Certo é tamén que existen escritores que escollen escribir en galego sen que medien razóns ideolóxicas, mesmo sendo castelán-falantes (talvez esteamos ante un novo proceso de anormalización, ou será iso a normalidade?).
Galiza vive, como dicía o profesor Carvalho Calero no 1988, nunha dicotomía cultural, na que case esqueceu o ámbito cultural ao que historicamente pertence, sometida á presión doutra cultura que os dirixentes do país se empeñan en postular “de primeiro rango”. Agora a dicotomía da sociedade galega non está na escolla entre a cultura castelá e a lusofonía. Resistímonos, certo, pero a escolla está entre o castelán e o galego, dentro do ámbito socio-político castelán.
E este século XXI que, en palabras de don Ricardo, debería iniciar o cuarto ciclo da nosa historia literaria, que debería caracterizarse por un progresivo regreso ao primeiro ciclo, parece avocado a perpetuar a dicotomía, mais xa desde a ignorancia do propio. E haberá que lembrar que o pobo que ignora o seu pasado, carece de futuro…
Só unhas poucas voces parecen berrar como Quixote pola Idade Dourada, o resto non come coas ideoloxías e precisa encher o bandullo ao estilo pancesco. Mais ao final, Sancho loita contra a morte do seu amo por volver a Barataria: a utopía atrapouno!
Todo cambio require  un lento proceso. E o camiño é longo. Pero estamos nel… (Dixo algún sabio que o verdadeiro revolucionario debe ser quen de deitarse a ollar medrar a herba).

______________________
  • Ricardo Carvalho Calero e outros (1988). A nosa literatura: unha interpretación para hoxe. Ed. Agrupación cultural Alexandre Bóveda. ISBN: 84-404-2112-5
  • Anxo Tarrío Varela (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN: 84-7507-778-1.  
________________________

TEMA 0. INTRODUCIÓN Á CRONOLOXÍA XERAL DA HISTORIA DA LITERATURA GALEGA