O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

A LITERATURA DO SÉCULO XIX. REXURDIMENTO


O nacemento do Galeguismo visto por Xaquín Marín


Como vimos nos artigos anteriores, a Historia da Literatura Galega desde as súas primeiras manifestacións até os nosos días non é un proceso continuo. As circunstancias históricas condicionaron o seu esmorecemento e silencio á fin da Idade Media e, cando rexurdiu no século XIX, a nosa literatura volveu nacer con dúas características que a condicionaron desde o comezo:
1. A carencia de tradición literaria escrita: os nosos escritores decimonónicos comezaban a coñecer o legado medieval.
2.  A significación ideolóxica: trátase dunha literatura de resistencia, en palabras do profesor Anxo Tarrío.
O acto de escribir en galego convértese nun exercicio de xenerosidade cara ao “amado pobo”, a quen se lle amosa a súa vida cotiá, os seus costumes, dun xeito sentimental; ou ben, o acto de escribir pretende salvar a ese pobo desde a literatura, a base de enchela de ideoloxía, ética e moral galeguista.
No século XIX e nos comezos do séc. XX desenvólvese un movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas que permite a consolidación dun sistema literario galego autónomo. Resulta admirable o labor dos nosos escritores e escritoras do Rexurdimento, que comezan a utilizar como lingua literaria un idioma desprezado pola cultura oficial e relegado a lingua rural e familiar. A utilización do galego é reflexo dunha actitude de compromiso, o que explica a abundante temática comprometida da literatura galega contemporánea. Mesmo naqueles casos en que non atopamos esa temática, a escolla do galego conforma unha posición ideolóxica.


Talvez hoxe, século XXI,
esta opción estea mudando o seu signo, mais no século XIX e até o derradeiro terzo do século XX, a literatura galega corre paralela á orixe e ao desenvolvemento da ideoloxía galeguista. Primeiro provincialista, para os precursores e para os autores do Rexurdimento pleno que participan, por exemplo, no Banquete de Conxo de 1856; despois rexionalista para os autores de entre os dous séculos; máis tarde nacionalista para os creadores da época Nós; e, máis tarde aínda, despois da longa noite de pedra que supuxo a paréntese de 40 anos de ditadura franquista, péchase o século XX alí onde comezara, tratando de recuperar o tempo perdido. 

Os estudosos non se poñen de acordo para situar as datas nas que empezan e acaban os movementos galeguistas do séc. XIX. Por exemplo, uns sitúan o inicio do Provincialismo e, polo tanto, o nacemento do Galeguismo no ano 1833, como reacción pola retirada do título de Reino a Galiza e a división en catro provincias do seu territorio. Outros, a maioría, sitúan este momento vinculado ao levantamento de Solís co seu tráxico final en Carral en 1846, pois, como afirma o profesor Anxo Tarrío, é neste revolucionario intento onde podemos dicir que Galiza comeza a tomar conciencia da súa personalidade diferenciada e da marxinación histórica á que secularmente viña sendo sometida por parte do poder central. Por iso, para o profesor Tarrío esta data é o fito e o símbolo do proceso de reconcienciación de Galiza até hoxe mesmo.  Se ben é certo que a defensa de Galiza como provincia única, ao estilo da antiga Gallaecia e da unidade do antigo reino, non xorde na Batalla de Cacheiras… Moitos sérvense da data de 1840, en que foi creada en Compostela a Academia Literaria e Artística de Santiago, que deu o disparo de saída á creación de moitas outras academias, coros, orfeóns, xornais… nos que se foron plasmando as reivindicacións provincialistas até desembocar na rebelión do 46.
Non hai acordo, de novo, no referente ao Rexionalismo, que algúns sitúan a partir de 1875, pero a maioría agardan a entrada na década dos oitenta, simultaneándoa co final do Rexurdimento pleno e o inicio do período finisecular. Con respecto ao esmorecemento rexionalista, para uns prodúcese coa fundación da Real Academia Galega (1906) e o inicio do Agrarismo (1907); pero para outros prolóngase até o nacemento das Irmandades da Fala, berce do Nacionalismo, en 1916; porque agardan até a morte de Pondal (1917) para dar por rematada esta etapa.
Aquí, con respecto ao movemento galeguista, vánse seguir as datas que manexan os autores do manual do Consorcio Editorial Galego.
Así, considerando que os acontecementos do ano 1833 son cruciais para o nacemento do Galeguismo e que a Literatura decimonónica corre parella a este movemento ideolóxico, escolleremos esta data como inicio do Galeguismo-Provincialismo. Este movemento rematará o seu labor político cos fusilamentos de Carral no 1846, mais continuará o seu feraz labor cultural, da man mesmo dos autores do Rexurdimento pleno, até despois da publicación de Cantares Gallegos. Coincidindo o seu final coa revolución A Gloriosa, que expulsou do trono a Isabel II e, despois dun Sexenio Revolucionario, traerá a instauración da I República en 1873. Este período coincidiría coa etapa do Federalismo, no seo da ideoloxía galeguista. Mais coa Restauración borbónica en 1874, esta etapa chega ao seu fin. Polo que moitos autores sitúan no ano 1875 o inicio do Rexionalismo, pero Manuel Murguía non publicará Los Precursores, obra que marca o nacemento desta etapa, até o ano 1886. O derradeiro labor  rexionalista foi a fundación da RAG en 1906. E aí podemos dar por rematado a terceira etapa do Galeguismo.
En resumo:
De 1833 a 1868________ Galeguismo. Provincialismo.
De 1869 a 1874________ Galeguismo. Federalismo.
De 1886 a 1906________ Galeguismo. Rexionalismo.

Con respecto á literatura, sucede algo parecido: hai estudosos que falan de Precursores para referirse aos ilustrados, outros especialistas falan nese caso de autores do Prerrexurdimento, para moitos esta etapa abrangue só a primeira metade do século XIX, mentres que o Rexurdimento abranguería a segunda metade… Aquí seguiremos as datas recollidas polos autores do manual do Obradoiro Santillana, que coinciden cos do manual do Consorcio editorial Galego.
Así, o Rexurdimento iníciase co Galeguismo en 1833 e vive a súa primeira etapa, a dos Precursores, até a publicación de Cantares Gallegos en 1863. A segunda etapa é a do Rexurdimento pleno e abrangue até 1888, ano da publicación de O divino sainete de Curros Enríquez, considerada a derradeira grande obra desta época, pois en 1885 xa publicara Eduardo Pondal a súa última obra Queixumes dos pinos, e Rosalía de Castro morrera nese mesmo ano. A terceira etapa é a do Período finisecular e, segundo a fonte aquí utilizada, abranque até 1916. Aínda que resulta difícil aceptar que as obras de Ramón Cabanillas, No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), pertenzan á mesma etapa literaria que o Feixe de poesías gallegas (1910) de Aurelio Ribalta.
En resumo:
De 1833 a 1863_______ Rexurdimento. Precursores.
De 1863 a 1888_______Rexurdimento pleno.
De 1888 a 1916 ______ Rexurdimento. Período finisecular.

Finalmente, reservarase o termo Prerrexurdimento (seguindo aos profesores X.L. Mendez Ferrín e X. Alonso Montero) para referirnos ao labor reivindicativo e de denuncia da situación que está a atravesar Galiza por parte dos Ilustrados do século XVIII (moi especialmente Sarmiento) e daquelas voces que continuaron o seu labor no século XIX, aínda sen adicárense á expresión literaria, pois sen o ambiente previo que eles crearan sería pouco probable un rexurdimento nin a eclosión galeguista.  

______________________
  • Anxo Tarrío Varela (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN: 84-7507-778-1.
  • Francisco Rodríguez (1990). Literatura Galega Contemporánea. (Problemas de método e interpretación). Ed. do Cumio. ISBN: 84-87126-23-5
  • Lingua e Literatura 1 - Bacharelato, VVAA, ed. Xerais. Vigo, 2005
  • Lingua e Literatura 1 – Bacharelato, VVAA, Consorcio editorial Galego. Vigo, 2008.
  • Lingua Galega e Literatura. Bacharelato. A Literatura, VVAA, ed. Galaxia. Vigo, 2001.
  • Lingua Galega e Literatura  1º Bacharelato. VVAA, ed. Obradoiro Santillana
  • Os discursos desgaleguizador, regaleguizador e contragaleguiador na época de Rosalía de Catro. Carme Hermida, USC.
______________________

TEMA 7. A LITERATURA NO SÉCULO XIX. PRERREXURDIMENTO E REXURDIMENTO.
 SELECCIÓN DE TEXTOS


A situación da lingua no século XIX 



O LEO E O REXURDIMENTO. Rosalía é poppy, Pondal é heavy e Curros é punky.